¡Bo día! hoxe traémosvos unha proposta interesante: un obradoiro e coloquio con entrada libre e gratuita sobre Familias adolescentes, no que falaremos dos momentos no que as familias pasan por esta fase tan creativa (e desestabilizadora) da vida. A actividade está dirixida a nais e pais con fillos adolescentes, así como a calquera persoa adulta que teña contacto con adolescentes e queira aprender novos xeitos de abordar os conflitos.
Porque me gustan os rapaces en etapa adolescente. Porque están na transición máis interesante do ciclo vital: biolóxicamente, cognitivamente, socialmente, espiritualmente… é un momento de cambio excepcional. Porque cando traballo con eles e as súas familias observo que fan falta espazos de diálogo e dinámicas creativas para o cambio.
Porque nos últimos anos descubrimos que nesta etapa da vida as familias pasan por situacións estresantes que requiren dun enfoque máis sano e creativo. Vemos con preocupación as situacións de conflito na casa ou na escola, a violencia nas relacións pais – fillos, as condutas perigosas que non se afrontan ou se fan de xeito impulsivo e con enfoques inadecuados.
No obradoiro trataremos os seguintes contidos:
- As familias adolescentes. Unha idade moi interesante pero proclive aos conflitos: «explosión» para os nenos e incertezas para os pais.
- Comprender aos rapaces: ¿que pasa co cerebro nesta etapa?
- Como se vive o amor nesta etapa. Que formas de amor necesita o adolecente.
- A trampa do control.
- Conectar. O vencello.
- Ser referente.
- Unha proposta para a casa.
A actividade está organizada e guiada por min, Cristina Bandín. Son psicóloga, traballadora social e terapeuta familiar, con 10 anos de experiencia en Familiae Psicoterapia e actualmente colaboradora no Centro de Orientación Familiar en Lugo.
No ano 2004 descubrín o enfoque sistémico como unha ollada diferente para abordar situacións complicadas e impulsar contextos de cambio. Desde o 2007 son Terapeuta Familiar, e oriento a miña formación a afondar no enfoque sistémico para enriquecer os meus campos habituais de traballo: intervención con familias, traballo en centros escolares, ámbito sociosanitario e colaboracións con outros profesionais.
- Duración: 1 hora e media.
- Necesitamos: un aula con espazo libre para moverse, un canón, un PC e unha pantalla.
- Descarga aquí esta información en pdf.
- Contacta con Cristina Bandín.
1 comentario