Compartimos con vós un artigo breve da nosa compañeira Cristina Bandín no diario El Progeso de Lugo.
Hai moitos artigos que falan do verán como un tempo “perigoso” para as parellas, que quizais remate en separación en setembro. Normalmente poñen o acento na intensidade da convivencia. É frecuente obviar ás persoas que contan que o verán é un tempo de traballo duro, por exemplo, no sector da hostalería, no que case non se ven e o tempo que están xuntas están esgotadas. Para estas persoas tampouco vai este artigo, pero teño un compromiso con elas para escribir un artigo que fale dos traballos explotados e a vida en parella.
O tema de hoxe é descubrir as potencialidades deste tempo de verán, de cambio de ritmo, de planes que protexen ás persoas e á parella. Se estamos traballando cunha parella, pode suceder que o tempo xuntos sexa máis reducido ao longo do curso e haxa menos variabilidade de actividades. O día a día está marcado por horarios, rutinas, casa, obrigas etc. menos flexibles. O verán ten días máis longos e con bo tempo poden facerse máis cousas na natureza, fóra da casa. Algunhas ideas para favorecer o encontro e a conexión no tempo do verán:
- Facer planes de descanso, natureza, de cambio de actividade, aprendizaxes novos, lecturas, viaxes etc. nas que haxa tamén tempos persoais cos que logo podemos enriquecer o tempo compartido. Ter cousas que contarnos alimenta a vida en común. Aprender doutras persoas e contextos é positivo para a parella.
- Convivir con outras persoas. Se estamos en familia cos nenos, compartir espazos con outras familias. Buscar momentos para compartir con outras persoas e parellas amigas. Aproveitar para facer visitas a persoas que normalmente non vemos e que queremos. Facer cousas polos demáis.
- Promover espazos de diálogo, encontro, afectividade, para “actualizarnos”. Si, as persoas cambiamos, a nosa parella e nós mesmos imos cambiando. ¿Que novos intereses ten o o outro? ¿Como cambian os seus desexos?
- Cultivar a admiración. Recoñecer, valorar, amar, facer medrar as cualidades do outro. Poñer a mirada nas capacidades e competencias, sen negar as dificultades, axuda a crear un espazo común de crecemento.
- No límite tamén está o amor. Ás veces necesitamos poñer límites, amar ao outro como lle fai ben, non como é máis doado ou como a mín me gustaría. Non. Como necesita o outro. O límite tamén é necesario na parella. Un exemplo: poñer límite ao alcohol se a miña parella abusa del. Dicir “ata aquí”. Facer planes que teñan en conta as dificultades.
Quizais hai conflitos que acontecen por non ter un plan saudable, “seguro” para a parella, no que cultivemos algunhas cousas importantes. Ás veces coñecemos parellas que contan que se ven “atrapadas” en planes de consumo, sen alicientes, que se converten noutra rutina; ou con persoas que interfiren na vida da parella e non respectan ese espazo necesario. Os planes ben pensados en común poden axudarnos a disfrutalos máis. Nunha relación o verán, o cambio de ritmo, pode ser un tempo marabilloso.